venres, 30 de marzo de 2018

1467 na historia

O ano do inicio da Revolta.

Poucos meses mais tarde de comezar a Revolta o rei de Castela, Henrique IV concedeu á vila de Pontevedra o privilexio dunha feira anual, a celebrar o 24 de agosto, día de san Bartolomeu.


venres, 23 de marzo de 2018

Henrique IV

Este rei era fillo de Xoán II de Castela e de María de Aragón, e medio irmán de Isabel a Católica.

Á idade de 15 anos casou coa infanta Branca de Navarra, da cal non tivo descendencia. Disolto o matrimonio casou logo con Xoana de Portugal. Da unión naceu unha filla, Xoana, lexítima herdeira ao trono. A ambición de Isabel polo poder fixo que fora acusada de ser filla ilexítima de Beltrán de la Cueva; de aí o alcume de Xoana a Beltranexa. Do rei decíase que era impotente, e outros consideran que era homosexual.

Asediado polas revoltas e as exixencias dos nobres, Henrique IV tivo que asinar un tratado polo que nomeaba o seu irmán Afonso lexítimo herdeiro. Tras a morte deste asinou con Isabel o Tratado de Toros de Guisando, segundo o cal a nomea herdeira, deixando a súa filla Xoana fóra da sucesión, a cambio dalgunhas cuestións, entre as cales está que Isabel non casaría sen a aprobación do rei.

En 1469, o rei, ante o matrimonio secreto entre a súa irmá Isabel e Fernando de Aragón, celebrado en Valladolid, considerou violado o tratado e proclamou a súa filla Xoana como herdeira ao trono, xurando publicamente que era filla lexítima. Á súa morte, acaecida en 1474, comezou unha guerra civil entre os partidarios de Isabel e os de Xoana a Beltranexa, que se decidiu o 1 de marzo de 1475 na batalla de Toro. En 1479 terminou a guerra quedando Isabel I como raíña de Castela.

venres, 16 de marzo de 2018

Pedro Álvarez Osorio

Pedro Álvarez Osorio, non confundir con Pedro Osorio do que xa falamos, era fillo de Alvar Rodríguez Osorio e María Fernández de Sandoval e naceu en 1410 en Vilafranca. Morreu en 1483, sendo un dos máis importantes persoeiros do reino, como Conde de Lemos.

Contraeu matrimonio en 1433 coa súa tía Beatriz Henríquez de Castro, quen loitara para recuperar os títulos que o rei Xoán II de Castela confiscara ao seu irmán Fadrique. En xuño de 1456 Henrique IV  estipulou que o título de conde de Lemos -anteriormente ligado ao de Trastámara e Sarria- pasase a ter carácter hereditario.

Era o sogro de Pardo de Cela, e xa temos indicado algunha vez a famosa conversa:

... e dize el dicho testigo que al dicho tiempo Pardo de Cela, mariscal, dixera al dicho Conde que inchiese los carballos de los dichos basallos, e quel dicho Conde dixera que no queria, que no se abia de mantener de los carballos 

Hai unha fundación en Ponferrada que leva o seu nome: www.pedroalvarezosorio.org

venres, 9 de marzo de 2018

Diego de Andrade

Para fomentar o coñecemento do xogo irmandiños e da historia, INCUDE editou algunha pegatina con persoeiros e lugares implicados na Gran Revolta Irmandiña.
Que che parece a de Diego de Andrade?

venres, 2 de marzo de 2018

O xogo empeza a difundirse

Aos poucos o xogo de INCUDE empeza a difundirse.
Agora mesmo estamos a falar cos organizadores do Asalto ao Castelo de Vimianzo para levar alá unha actividade no mes de xullo.
Agardamos que non sexa a única neste tipo de experiencias. Seguiremos informando.
Tentaremos levar o xogo a todos os recunchos!