venres, 20 de abril de 2018

Xornadas Irmandiñas

Xornadas Irmandiñas
Organizadas por INCUDE
Centro Universitario de Riazor
Almirante Lángara s. n.
Sábado 21 de abril de 2018
A partir das 19,00 horas

* Partidas do Xogo Irmandiños, creado pola nosa entidade

* Partidas de Carcassone. O xenial xogo de construcción de cidades.

* Partidas de Dixit

* Proba do xogo Los Constructores. Será a primeira vez que probemos este xogo.

Trofeos para os tres primeiros clasificados.

As xornadas nacen para conmemorar que o 25 de abril 1467 empezou a Grande Revolta Irmandiña.

venres, 13 de abril de 2018

Actividades co Xogo

Se queres coñecer o noso xogo ou que INCUDE o presente nalgunha actividade relacionada coa Gran Revolta Irmandiña, so tes que escribirnos e contar a vosa idea a incude@udc.es

venres, 6 de abril de 2018

Versión para móbil

Aínda que é demasiado pronto estamos encauzando a posibilidade de que Irmandiños sexa tamén un xogo para móbil.
A idea é que xa neste primeiro semestre teñamos unha versión de probas para poder xogar en dispositivos mobiles.
Seguiremos informando.

venres, 30 de marzo de 2018

1467 na historia

O ano do inicio da Revolta.

Poucos meses mais tarde de comezar a Revolta o rei de Castela, Henrique IV concedeu á vila de Pontevedra o privilexio dunha feira anual, a celebrar o 24 de agosto, día de san Bartolomeu.


venres, 23 de marzo de 2018

Henrique IV

Este rei era fillo de Xoán II de Castela e de María de Aragón, e medio irmán de Isabel a Católica.

Á idade de 15 anos casou coa infanta Branca de Navarra, da cal non tivo descendencia. Disolto o matrimonio casou logo con Xoana de Portugal. Da unión naceu unha filla, Xoana, lexítima herdeira ao trono. A ambición de Isabel polo poder fixo que fora acusada de ser filla ilexítima de Beltrán de la Cueva; de aí o alcume de Xoana a Beltranexa. Do rei decíase que era impotente, e outros consideran que era homosexual.

Asediado polas revoltas e as exixencias dos nobres, Henrique IV tivo que asinar un tratado polo que nomeaba o seu irmán Afonso lexítimo herdeiro. Tras a morte deste asinou con Isabel o Tratado de Toros de Guisando, segundo o cal a nomea herdeira, deixando a súa filla Xoana fóra da sucesión, a cambio dalgunhas cuestións, entre as cales está que Isabel non casaría sen a aprobación do rei.

En 1469, o rei, ante o matrimonio secreto entre a súa irmá Isabel e Fernando de Aragón, celebrado en Valladolid, considerou violado o tratado e proclamou a súa filla Xoana como herdeira ao trono, xurando publicamente que era filla lexítima. Á súa morte, acaecida en 1474, comezou unha guerra civil entre os partidarios de Isabel e os de Xoana a Beltranexa, que se decidiu o 1 de marzo de 1475 na batalla de Toro. En 1479 terminou a guerra quedando Isabel I como raíña de Castela.

venres, 16 de marzo de 2018

Pedro Álvarez Osorio

Pedro Álvarez Osorio, non confundir con Pedro Osorio do que xa falamos, era fillo de Alvar Rodríguez Osorio e María Fernández de Sandoval e naceu en 1410 en Vilafranca. Morreu en 1483, sendo un dos máis importantes persoeiros do reino, como Conde de Lemos.

Contraeu matrimonio en 1433 coa súa tía Beatriz Henríquez de Castro, quen loitara para recuperar os títulos que o rei Xoán II de Castela confiscara ao seu irmán Fadrique. En xuño de 1456 Henrique IV  estipulou que o título de conde de Lemos -anteriormente ligado ao de Trastámara e Sarria- pasase a ter carácter hereditario.

Era o sogro de Pardo de Cela, e xa temos indicado algunha vez a famosa conversa:

... e dize el dicho testigo que al dicho tiempo Pardo de Cela, mariscal, dixera al dicho Conde que inchiese los carballos de los dichos basallos, e quel dicho Conde dixera que no queria, que no se abia de mantener de los carballos 

Hai unha fundación en Ponferrada que leva o seu nome: www.pedroalvarezosorio.org

venres, 9 de marzo de 2018

Diego de Andrade

Para fomentar o coñecemento do xogo irmandiños e da historia, INCUDE editou algunha pegatina con persoeiros e lugares implicados na Gran Revolta Irmandiña.
Que che parece a de Diego de Andrade?

venres, 2 de marzo de 2018

O xogo empeza a difundirse

Aos poucos o xogo de INCUDE empeza a difundirse.
Agora mesmo estamos a falar cos organizadores do Asalto ao Castelo de Vimianzo para levar alá unha actividade no mes de xullo.
Agardamos que non sexa a única neste tipo de experiencias. Seguiremos informando.
Tentaremos levar o xogo a todos os recunchos!

venres, 23 de febreiro de 2018

Actuación do Rei

Na Idade Media, en todas partes de Europa, e Galicia non era unha excepción, todos os gobernantes tiranizaban aos do estamento mais baixo, obrigados a aguantar e obedecer, fose o seu señor un membro da aristocracia ou relixioso.

Poucas revoltas tiveran existido antes en Europa, polo que os Irmandiños, van ser unha das primeiras, importante pola súa extensión no tempo e castelos derrubados.

Que o rei, Henrique IV, de apoio a irmandade parece ter que ver co pouco que aportaban os nobles galegos á facenda real. E non so non había aporte dos nobres galegos, se non que por riba estes moitas veces poñían trabas a que os impostos das cidades que dependían directamente da coroa chegasen a ela.

Ademais o pobre rei tiña problemas cos seus irmáns, especialmente na época con Alfonso, quen lle discutira o trono, e que morreu en 1468.

venres, 16 de febreiro de 2018

Poucas fontes

Un dos problemas de achegarse á historia dos Irmandiños e a escaseza de fontes. Nesta web tentaremos ir publicando semanalmente algunha curiosidade e dato do proceso, ás veces contrapostos, xa que estas poucas fontes foron obxecto de diverxentes interpretacións.

Os irmandiños fixéronse mais coñecidos cando se deu a coñcer a obra de Vasco de Aponte, "Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galicia", que ainda que foi escrita non moito despois dos feitos, non veu a luz en publicación ata 1872.

A outra fonte principal foi a transcrición do preito Tabera-Fonseca, publicado xa a finais do século XX. O Tabera-Fonseca é un documento único que recolle os testemuños deste periodo.

Sería o desexable contar con máis material de estudo, que permitira anzalizar mellor os feitos.

venres, 9 de febreiro de 2018

O rei implicado

Como xa vimos A Gran Guerra Irmandiña (1467-1469), foi sucesora da chamada Irmandade Fusquenlla que actuara anos antes. Ambos os movementos foron idealizados, entre outros polo historiador Benito Vicetto, de quen xa falaramos e tamén por moitos outros que, interesados en dar a coñecer a vizosa historia do medievo galego, converteron estes deitos en referentes históricos inesquecibles.

Así, no imaxinario popular, xa ten callada a idea desta Revolta fonte á tiranía da nobreza.

Por coincidir en poucos anos coa "doma e castración" de Galicia por parte dos Reis Católicos, ás veces o movemento é tido por un movemento autonomista, cando realmente parece ser que estivo apoiado en todo momento polo rei, como xa contamos, Enrique IV.

venres, 2 de febreiro de 2018

"Irmandiños"

Realmente existe algunha discusión sobre o propio termo que da nome a esta actividade.
Algúns consideran que o termo é un invento moi posterior, dos séculos afastados daquel no que sucederon os feitos.
Xa sería no século XX cando aparece citada como Revolta Irmandiña.
Xa tivemos ocasión de ver que coetáneamente o nome era o de Santa Irmandade.

venres, 26 de xaneiro de 2018

Desencadeamentos da Revolta

Existíu, por tanto, un sentimento acumulado de agravio, polos males e danos que as vilas e a xente recibían das fortalezas (percibidas como refuxios de malfeitores), tanto de señores e cabaleiros como de prelados, como indican as testemuñas do Preito Tabera - Fonseca:

Danos robos e males. Robo de ombres, personas y en sus vienes, robandoles sus bois y bestias y que les forçaban sus mugeres e fijas e que muchos de los dichos danos se azían ansi de las gentes que en sus casas como en la de las fortalezas.

Por iso a irmandade focalizouse na demolición dos seus refuxios, as fortalezas. A estes determinantes compoñentes emotivos sumábanse as segundas intencións de emancipación da vasalaxe e a liberación de pago de rendas do señor; terminar co sistema de fortificacións construídas entre os séculos X e XV.

venres, 19 de xaneiro de 2018

Desencadeamentos da Revolta

A gran guerra irmandiña de 1467 estivo precedida de múltiples revoltas en certas zonas e localidades. Segundo algúns historiadores, como Carlos Barros Guimeráns, a primeira revolta organizada como Irmandade na Baixa Idade Media galega é a de 1418-1422 en Santiago de Compostela.

A Irmandade Fusquenlla tivo lugar en 1431, con Roi Xordo á fronte, nas terras dos Andrade. Xurdiu máis tarde, en 1451, a "primeira irmandade" nas rías de Pontevedra e Arousa. Despois xurdiron as irmandades da Coruña e Betanzos, seguidas das de Santiago de Compostela, Muros e Noia de 1458.

Agresividade dos señores. 

A nobreza galega vivía un século XV de conflitos e confrontación internas. Á intranquilidade xerada por tal serie de conflitos sumábanse os efectos negativos da epidemia de 1466, así como anteriormente a peste e as malas colleitas, que provocaron ademais unha caída de rendas da nobreza, o que derivou nunha actitude recadadora agresiva para contrarrestar esta diminución.

Entre as vítimas desta rapacidade da nova nobreza encontrábase tamén o clero. Mesmo parte do patrimonio e señoríos de mosteiros e catedrais estaban ocupados ou encomendados en 1467. De feito a Irmandade devolveu á igrexa moitos dos bens usurpados pola nobreza laica.

venres, 12 de xaneiro de 2018

Pardo de Cela

Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira, coñecido como don Pedro Pardo de Cela, naceu en Betanzos cara ao 1425 e foi executado en Mondoñedo o 3 de outubro de 1483, decapitado diante da catedral mindoniense por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos.

Segundo fillo de Xoán Nunes Pardo de Cela, o Vello, comendeiro do bispado de Mondoñedo, e de Teresa (ou Violante) Rodríguez de Aguiar, ao falecer o seu irmán herdou as propiedades e privilexios da familia. A súa posición mellora ao casar coa filla do Conde de Lemos, Isabel de Castro, que viñera co seu tío, Pedro Enrique de Castro, bispo de Mondoñedo (1426-1445) á cidade episcopal, onde Pardo de Cela era meiriño, en representación da Casa de Lemos. O bispo deulle en dote de voda todas as rendas do bispado, agás as que necesitaba para o seu sustento.

Falecido o bispo en 1445, Pedro Pardo marchou a Viveiro, onde chegou a ser alcalde (a mención máis antiga que se ten del é unha sentenza de 1464 en que se titula alcalde de Viveiro e comendeiro do bispado) e en 1474 xa ten o título de Mariscal. Foi un dos seus máis acérrimos inimigos dos irmandiños e tivo que fuxir de Galicia até a restauración nobiliaria. Da súa ferocidade dá conta a famosa frase referida por Pedro Paxariño no preito Tabera - Fonseca, onde Pardo de Cela lle di ao Conde de Lemos que aforque todos os seus servos:

... e dize el dicho testigo que al dicho tiempo Pardo de Cela, mariscal, dixera al dicho Conde que inchiese los carballos de los dichos basallos, e quel dicho Conde dixera que no queria, que no se abia de mantener de los carballos 

Ao finalizar a revolta co restablecemento da nobreza e da Santa Irmandade, aínda ficaron preitos pendentes, xa no 1467 a Condesa de Santa Marta queixábase á irmandade:

... Pedro Pardo e Diego Dandrada, fijo de Ferán Peres Dandrada, injustamente e por fuerça e contra voluntad mia e del dicho conde, mi fijo, nos çercaron e tomaron la nuestra villa e fortalesa de Santa Marta de Hortigueira... e nos la tienen asy tomada... 

 En 1469 o mesmo Concello de Viveiro enviou unha relación ao rei, na que se queixaban da violencia dos nobres:

...agora el Conde de Lemos ... et Pedro Pardo ... et otros algunos caballeros et comenderos, con favor de Juan de Vivero et de otros caballeros que fueron en desfacer la hermandad, fazen a la villa y vezinos della toda guerra et mal et daño, robandoles las iglesias et prendiendolos et rescatandolos. 

A raíña Isabel era curmá de Isabel de Castro, a muller de Pedro Pardo. Á morte de Henrique IV de Castela, a maioría da nobreza castelá apoiou a causa de Isabel de Castela, acusando á filla do rei, Xoana, de ser filla ilexítima de Beltrán de la Cueva e alcumándoa la Beltraneja. A nobreza galega en xeral apoiou á herdeira máis lexítima que ademais supoñía a unión dos reinos de Castela e Portugal fronte á unión con Aragón. Pardo de Cela, xunto coa súa familia política e o bispo Alonso I de Fonseca, puxéronse da parte de Isabel, e parece que o mariscal chegou a combater en Zamora. Participou tamén xunto a Fonseca no cerco a Pontevedra de 1476.

Aínda asi, en 1480 chega Fernando de Acuña con ordes claras dos Reis de pacificar o reino e restabelecer os dereitos usurpados, como lle escribiu a raíña ese mesmo ano:

en el reino de Galicia ay muchas fortalezas roqueras e otras casas fuertes en que se an fecho muchos daños, e robos, e muertes... por ende mandamos que todas las fortalezas e casa fuertes que bos entendierades que son dañosas.. sin dilaçión alguna las tomedes e derribedes 

Asustado ante o perigo que corre a súa vida, pide unha carta de "seguro e amparo" aos Reis e refúxiase na Fortaleza da Frouseira, onde se fai forte e derrota decote ás tropas castelás. A raíña confirma en carta a Fernando de Acuña o 4 de novembro de 1480 a fidelidade do seu vasalo:

los buenos e leales serviçios que Pedro Pardo de Cela, mi vasallo, a fecho e face cada dia

Aínda así a súa persecución continúa. En 1483 cae a fortaleza da Frouseira e o 7 decembro é detido na casa de Fonsa Yáñez en Castrodouro (no actual concello de Alfoz, Lugo) e lévano preso a Mondoñedo, onde dez días despois lle cortan a cabeza "por cruel e poderoso", segundo palabras do Poder Real.

venres, 5 de xaneiro de 2018

Irmandiños en Vilalba

Pois co xogo recén saído da imprenta levámolo a Vilalba a unha actividade de xadrez... e así temos este cartel do xogo coa torre de Vilalba, erguida por Diego de Andrade a través da xanela.
Un bó sitio para a primeira visualización do xogo rematado.