venres, 27 de outubro de 2017

Diego de Andrade

Diego de Andrade foi un nobre galego, fillo de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, de quen herdou os señoríos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Os Reis Católicos outorgáronlle o título de Conde de Vilalba. A pesar dos territorios familiares, os Andrade eran entón unha casa abaixada, polo que buscaron un bo casamento, como foi con María das Mariñas, filla primoxénita de Gómez Pérez das Mariñas, o que lle deu a posesión das terras das Mariñas dos Condes e as dos Frades, que formaron a xurisdición de Miraflores. Isto fixo a Diego de Andrade señor dun gran territorio que abarcaba as terras comprendidas entre A Coruña, Ferrol e Vilalba.

Nos inicios da revolta irmandiña Diego de Andrade tentou de fuxir a Castela por medo á irmandade, mais foran presos pola condesa de Ribadavia. Recuperada a liberdade logo de dous anos de cadea e morto xa seu pai, tomou nunha noite a fortaleza de Pontedeume, en poder do arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca. Así mesmo, prendeu na fortaleza de Pontedeume a un dos xefes da revolta, Pedro Osorio, finando nela. Deste xeito quedou descabezado o movemento irmandiño pois xa morrera Alonso de Lanzós. O tercceiro home forte dos irmandiños, Diego de Lemos, morreu de morte natural na súas posesións en Ferreira.

Finalizada a guerra irmandiña, os nobres galegos coaligáronse para restauraren o seu anterior poderío e reedificaren as fortalezas. O arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca non vía con bos ollos esta alianza pois supuña unha ameaza ao seu poder. Na reedificación da fortaleza de Altamira, capital dos estados de Lope Sánchez de Moscoso, o arcebispo, coa axuda do seu irmán, Luís de Acevedo, tentou expulsar aos que estaban reedificando a fortaleza.

O señor de Altamira pediu axuda aos nobres galegos e ao seu chamado acudiron Diego de Andrade, co seu sogro Gómez Pérez das Mariñas, Sancho Sánchez de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos. O enfrontamento, coñecido como a Batalla de Altamira tivo lugar o 13 de xuño de 1471 e rematou coa vitoria dos nobres.

Diego de Andrade morreu durante a súa participación na conquista de Granada e como moitos dos seus devanceiros foi soterrado no mosteiro de Monfero.

Do seu casamento con María das Mariñas tivo un fillo e dúas fillas: Fernando, Tareixa e Violante. Fernando herdou o señorío do seu pai.

Como curiosidades podemos dicir que na batalla de Altamira, Gómez Pérez das Mariñas tomou partido polo seu xenro Diego de Andrade, casado coa súa filla María, e en contra dos intereses doutro xenro Luis de Acevedo, casado coa súa filla Xenebra. Por outra banda a filla de Diego de Andrade, Tareixa, casou con Rodrigo Osorio de Moscoso, quen era fillo do xefe irmandiño Pedro Osorio, executado como vimos por Diego de Andrade.

venres, 20 de outubro de 2017

Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira

Aínda que naceu moito despois dos sucesos que nos ocupan, sempre esta ben coñecer algo da nosa historia e da importancia desta liñaxe . O día 19 de outubro foi o aniversario da súa morte.
Entre os herdeiros de Gómez Pérez das Mariñas, de quen xa falamos, está Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira, que naceu seguramente en Viveiro en 1539.
Era fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira (viuvo da neta de Gómez Pérez, Constanza das Mariñas), e da súa segunda muller e sobriña política Berenguela das Mariñas.
Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira foi político, diplomático e militar, destacando pola súa condición de gobernador de diferentes territorios, e finalmente das Filipinas, onde hoxe pervive a cidade Dasmariñas, na súa honra.
Foi o primeiro gobernador español en establecer contactos con Xapón, e potenciou as relacións comerciais con China.
En 1582 e 1584 dúas expedicións españolas fracasaran no seu intento de capturar a fortaleza de Ternate situada nas Illas Molucas. O gobernador planeou en segredo unha nova expedición e mandou diante ao seu fillo Luis e logo embarcou na galera A Capitá, de 28 bancos. Ao parecer os remeiros da súa galera eran chineses, a soldo e, segundo un cronista, sen encadear e armados..
En outubro de 1593 o gobernador partiu de Cavite para Pintados onde ía reunirse coa frota do seu fillo. Xuntas ambas as frotas, acudiría ás Molucas. Pero unha noite os remeiros chineses fixéronse co control da galera asasinando ao gobernador.

venres, 13 de outubro de 2017

GOMEZ PEREZ DAS MARIÑAS

Gómez Pérez das Mariñas probablemente naceu en Betanzos e os seus dominios principais estendíanse polas terras comprendidas entre esta poboación e A Coruña.
Sendo aínda un rapaz estivo na corte do rei Xoán II que sentía moito aprecio por el. Tamén serviu con lealdade ao seu fillo o rei Henrique IV. O rei concedeulle en 1467 o ano en que estalou a Gran Revolta Irmandiña, a propiedade dunhas casas na Coruña como compensación dos gastos que lle ocasionara a defensa da cidade do conde de Benavente.
Durante a Revolta marchou a refuxiarse no Mosteiro de Samos e logo foi un dos principais dirixentes nobiliarios para retomar as súas fortalezas e as do seu xenro, Diego de Andrade.
Casou con Tareixa de Haro coa que tivo tres fillas, María das Mariñas que casou con Diego de Andrade; Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas. Mais dúas que non chegaron a maiores Berenguela e Tareixa.
Testou o 4 de novembro de 1474 na Coruña, deixando disposto que fose enterrado na igrexa do convento de San Domingos de dita cidade.
Unha das súas propiedades nas Mariñas foi a Torre de Bergondo, hoxe coñecida como Pazo de Mariñán.

venres, 6 de outubro de 2017

Irmandiña

No imaxinario colectivo galego os irmandiños quedaron como unha mostra do que pode facer o pobo unido. E por iso os termos irmandiños, irmandade e demais son empregados en tantas ocasións ao longo da historia.
Así diferentes seleccións deportivas galegas son alcumadas como forzas de Breogán, outro exemplo do que falamos, e tamén coma irmandiña.